Sunday 19 de May de 2024

Feijóo reivindica os valores que abandeira o deporte e dá as grazas aos premiados por contribuír a construír unha marca de país baseada no esforzo e na capacidade de superación


Subliña que Galicia pasou de ter 243 deportistas de alto nivel en 2009 a acadar os 355 este ano; e, entre 2007 e 2014, a práctica de actividade física incrementouse en máis de quince puntos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou os valores que abandeira o deporte e deu as grazas aos premiados por contribuír a construír unha marca de país baseada no esforzo e na capacidade de superación.

Durante o acto de entrega dos Premios do Deporte Galego da temporada 2015, recoñeceu atopar no deporte moitos dos valores necesarios para todas as facetas da vida. “A capacidade de traballo, a visión a longo prazo e o sacrificio son todos eles valores capaces de tirar da sociedade cara adiante”, dixo, ao que engadiu que Galicia non ten que buscar moi lonxe eses referentes tan necesarios, xa que basta –aseverou- con mirar aos premiados de hoxe”.

Nesta liña, destacou que Teresa Portela, Susana Rodríguez Gacio, Javier Gómez Noya, Martín de la Puente ou Daniel Pérez Morales levaron o nome de Galicia polo mundo enteiro ao igual que tamén o fixeron o Clube Balonmán Mecalia Atlético Guardés, o Club Ourense Baloncesto SAD e o Darlim Racing Chapela, que conseguiron facer das súas vitorias éxitos de todos.

Así mesmo resaltou o labor do Club Ciclista de Maceda, que demostra que en Galicia temos canteira; e as traxectorias de Adrián Ben e Miguel Alvariño, dúas promesas do deporte que darán moito que falar.

Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que o deporte é unha actividade capaz de implicar a toda a sociedade, como proba o Gran Premio Internacional de Marcha Atlética Cantones de A Coruña, “un evento que consegue mover a unha cidade enteira”. E salientou, tamén, o labor de patrocinio de Abanca e o traballo que desempeña en Ourense o suplemento +Deporte de La Región, “relatando os fitos máis próximos e poñéndoos en valor”.

Logo de recoñecer a profesionalidade de Rafael Vázquez López e de María Bautista Maestre, o titular da Xunta puxo en valor a implicación do Concello de Arteixo, de Alcer Coruña e do IES de Mugardos para promover unha vida activa e saudable.

Neste contexto, afirmou que Galicia está en forma. Non en van a Comunidade pasou de ter 243 deportistas de alto nivel en 2009 a acadar os 355 este ano; e, no deporte do día a día, cómpre destacar que, entre 2007 e 2014, a práctica de actividade física incrementouse en máis de quince puntos.